- Participará en marzo nas feiras de emprego que se desenvolverán na Arxentina e no Uruguai para informar sobre o programa e conectar aos emigrantes co mercado laboral galego
- O plan, dirixido a persoas menores de 55 anos, permite acceder a un contrato indefinido de traballo a tempo completo ou parcial
A Coruña, 11 de febreiro de 2025.- A Fundación Venancio Salcines reforza o seu compromiso co impulso ao retorno e á inserción laboral do talento galego no exterior a través da súa colaboración coa Xunta de Galicia no programa Retorna Cualifica Emprego, unha iniciativa do goberno autonómico incluída dentro da Estratexia Galicia Retorna que busca facilitar a volta á comunidade autónoma de persoas emigradas e os seus descendentes para mellorar a súa cualificación e acceder a oportunidades laborais de calidade.
Esta acción enmárcase dentro das estratexias da Xunta de Galicia captación de talento que permitirán atender ás demandas do tecido produtivo galego e contribuír ao incremento da poboación activa. Como parte deste programa, desenvolveranse feiras de emprego na Arxentina os días 6 e 7 de marzo, e no Uruguai o 10 de marzo, co obxectivo de informar e conectar as persoas galegas residentes no exterior con oportunidades de formación e emprego en Galicia.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou a importancia de programas como Retorna Cualifica Emprego para atraer talento galego de volta á comunidade, subliñando a necesidade de medidas que favorezan a integración laboral e social dos retornados. Tamén resaltou que esta iniciativa encaixa dentro do plan máis amplo de captación de traballadores cualificados para reforzar o tecido produtivo galego.
Oportunidades para o retorno
O programa Retorna Cualifica Emprego ten como finalidade incrementar a poboación activa de Galicia a través da atracción das persoas galegas residentes no exterior, ofrecendo itinerarios personalizados de formación e emprego adaptados ás necesidades do mercado laboral galego. Mediante accións formativas e o apoio á inserción laboral, preténdese que os participantes poidan acceder a postos de traballo estables e de calidade, favorecendo o seu asentamento en Galicia, cun contrato indefinido de traballo, a tempo completo ou parcial.
Ademais, o programa inclúe axudas económicas para facilitar o proceso de retorno, cubrindo o traslado a Galicia e os gastos iniciais de instalación, así como un seguimento individualizado para garantir a integración efectiva no ámbito laboral e social. A participación no programa é gratuíta e poderán facelo as personas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega que sexan menores de 55 anos.
Compromiso coa cualificación e o emprego
A Fundación Venancio Salcines traballa activamente na dinamización do mercado laboral galego por medio de programas innovadores que apostan pola formación continua e a mellora da empregabilidade. A través da súa colaboración nesta iniciativa da Xunta de Galicia, reafirma o seu compromiso coa creación de oportunidades para os galegos e as galegas da diáspora, favorecendo o seu retorno e contribuíndo ao crecemento económico e social de Galicia.
As persoas interesadas en participar no programa Retorna Cualifica Emprego poden obter máis información a través da web e as redes sociais da Fundación Venancio Salcines e das accións informativas que se levarán a cabo nas vindeiras semanas en diferentes países, así como tamén información na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.